Axenda

Marzo 2010
L M m X V S D
1 2 3 4 5 6 7
8 9 10 11 12 13 14
15 16 17 18 19 20 21
22 23 24 25 26 27 28
29 30 31 1 2 3 4

Sindicación

Todo o sitio:
RSS 2.0 - todo o sitioATOM - todo o sitio

Novas Grupo Municipal:
RSS 2.0 - Novas Grupo MunicipalATOM - Novas Grupo Municipal

Novas BNG:
RSS 2.0 - Novas BNGATOM - Novas BNG

 

Inicio bng
Novas do Bloque Nacionalista Galego
GUILLERME VÁZQUEZ “PREFERIRÍA” QUE O SECRETARIO XERAL DO PSdeG ESTIVESE “NUNHA POSICIÓN DE PAÍS” E ALEGA QUE FEIJÓO “SE RESISTE A RECORRER O FROB” PORQUE ESTÁ CONDICIONADO POLA POSICIÓN DO PP NO ESTADO
Mércores, 10 Marzo 2010 13:10

O BNG recada na Coruña novos apoios ao Manifesto Galiza Ten Dereito e o líder nacionalista afirma que “mobilizar a sociedade non significa só manifestarse na rúa, que tamén”


“É Zapatero e non un ministro ou un segundo dun ministro quen toma as decisións. Por iso Feijóo debe demandar unha entrevista con el”


O Bloque Nacionalista Galego celebrou esta mañá, nun céntrico hotel coruñés, un novo acto da xeira de encontros sectoriais que está a desenvolver nas cidades galegas para recadar novos apoios ao manifesto Galiza Ten Dereito, impulsado pola formación nacionalista e que foi asinado o 5 de Febreiro no Parlamento Galego por BNG, PP, CIG, UXT, CC OO e a Confederación de Empresarios de Galiza.

Nun encontro cos meios de comunicación previo ao comezo do acto, o líder nacionalista afirmou que “se o señor Feijóo” se resiste a apresentar un recurso de inconstitucionalidade contra o FROB é porque está condicionado pola posición política do seu partido “a nivel estatal”.Nós pensamos que si debería facelo (recorrer o FROB)”, aduciu o portavoz nacional, “se realmente quer explicitar diante do Goberno central que está disposto a ir a por todas neste tema”.

O dirixente nacionalista tamén foi interpelado polos meios a respecto das recentes declaracións de Manuel Vázquez nas que o secretario xeral do PSdeG deitaba sombras de dúbida sobre a solvencia da fusión galega. O portavoz nacional comezou por negar a maior e por se preguntar: “Se o debate fose a solvencia, entón que estaría a pasar noutras latitudes do Estado?”. Optou a seguir por “non levar os debates onde realmente non están” e considerou que a sociedade galega “non pode interiorizar” como problema o que non é -a presunta insolvencia- “se así o fixésemos”, matizou, “se o interiorizásemos así, estaríamos perdidos porque estariamos pensando en que isto non é unha cuestión política, senón técnica, e nós dicimos o contrario, non é técnica, é política”.

“De solvencias”, engadiu, “poderiamos falar ao longo e ancho do Estado español” e entón comprobaríase como “esas presuntas maiores ou menores solvencias se van resolver de maneira diferente en diferentes sitios”.

VODEVIL INASUMÍBEL


Aquí a cuestión é outra: é dilucidar se “temos dereito a termos caixas galegas e a que a nosa economía poda contar con aforro galego para o seu impulso, sabendo que a alternativa é que o noso aforro saia do País e sirva para desenvolver outros territorios”.

Argüíu que “o señor secretario xeral” do PSdeG-PSOE “pode intentar levar o tema por onde queira, pero eu preferiría que estivese nunha Posición de País, defendendo o que eu creo que maioritariamente defende esta sociedade”. Así actuarían, enfatizou, “algúns dos seus homólogos” do Partido Socialista “se estivesen en Euskadi, Andalucía ou Catalunya”.

A respecto da marcha das negociacións Goberno galego-Goberno español, manifestou a súa convicción de que “están a alcanzar un grao de vodevil absolutamente inasumíbel”.

“A Xunta debe rachar as negociacións e o señor Feijóo debe comparecer no Parlamento galego para explicarnos cal é a súa folla de rota”, dixo o líder do BNG, para quen o xefe do Executivo galego debe cambiar de táctica e pedir “unha entrevista co señor Zapatero”. Con Zapatero porque “é el quen toma as decisións e non un ministro nen o segundo dun ministro”. O encontro con Zapatero non sería para negociar nada, senón “para esixirlle a retirada do recurso”.

MOBILIZAR A SOCIEDADE


Explicou que entende o BNG pola mobilización da sociedade en defensa do seu dereito a dispor dun sistema financeiro propio. “Mobilizar unha sociedade non é exclusivamente falar de manifestarse na rúa, que, por suposto, que tamén. É algo máis que iso. É que, con independencia da posición dos grupos políticos e os axentes sociais, todas e todos nos impliquemos como cidadáns se queremos ter un futuro de dignidade para este País”.

Na súa opinión existe “unha moi boa base” para comezar a traballar, o Manifesto que se asinou o 5 de Febreiro. O espírito do Manifesto “debería contar co apoio da sociedade galega, si se me permite a expresión, por abaixo, de maneira que se explicite o que Galiza como sociedade pensa desta cuestión, e se iso pode concluír nunha manifestación, pois evidentemente si pode concluír”, aseverou ante os xornalistas.

A seguir o encontro cos medios, o portavoz nacional mantivo un animado intercambio de impresións con representantes de sectores sociais, empresariais, veciñais e sindicais da cidade e comarca da Coruña.

No acto estiveron presentes membros dos grupos municipais e provincial do BNG, encabezados por Henrique Tello e Pablo Villamar, respectivamente; a responsábel comarcal, Silvia Seixas; e o responsábel local, Afonso Sánchez.
 
O BNG PRESENTA UNHA INICIATIVA QUE OBRIGARÁ A PP E PSOE A POSICIONARSE NO CONGRESO DOS DEPUTADOS SOBRE A LEI GALEGA DE CAIXAS DE AFORROS
Luns, 08 Marzo 2010 17:54

A proposición non de lei que se debaterá no Pleno do Congreso insta ao Goberno a retirar o recurso contra a Lei Galega de Caixas, a respectar as competencias autonómicas sobre caixas de aforros e manter o seu carácter social e vinculado ao territorio


O BNG ven de presentar no Congreso dos Deputados unha iniciativa que obrigará a PP e PSOE a posicionarse sobre a Lei Galega de Caixas e comprobar se manteñen o mesmo discurso en Galiza e en Madrid.

A proposición non de lei, que se debaterá tanto no Pleno do Congreso como en Comisión, ten como obxectivo, segundo o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, “que Galiza siga tendo un mapa financeiro propio, cos seus piares nas caixas de aforros, ademais de verificar que o instrumento creado para a reordenación pública do sistema financeiro, o FROB, contribúa realmente a restaurar o creto ás empresas, aos emprendedores e aos autónomos”.

Retirada inmediata do recurso contra a Lei Galega de Caixas e manter o seu carácter social


Neste sentido, a iniciativa do BNG consta de catro puntos para conseguir ese fin. En primeiro lugar, ínstase ao Goberno a “manter a vixente natureza das caixas de aforros, reforzando o carácter de entidades vinculadas ao territorio e a súa vocación social, o seu papel de instrumentos de financiamento básico dos sectores económicos estratéxicos do seu entorno, renunciando a incentivar calquera proceso tendente á súa concentración centralizada e bancarización”.

En segundo lugar, e como consecuencia do anterior, demándaselle ao Goberno que “retire de xeito inmediato o recurso de inconstitucionalidade contra a reforma de determinados preceptos da Lei de Caixas de Galiza, levantando os efectos suspensivos do mesmo”.

Respecto ás competencias das Comunidades Autónomas


Ademais, a iniciativa do BNG demándalle ao Goberno que “se comprometa a respectar as competencias autonómicas sobre caixas de aforros”.

As entidades que reciban cartos do FROB deben destinalo a créditos ás empresas, autónomos e emprendedores


Por último, a proposición non de lei insta ao Goberno a “garantir que, co fin de protexer o interese público, a intervención do FROB se oriente prioritariamente á restauración do financiamento da economía produtiva, polo que se asegurará que o destino final por parte das entidades financeiras dos fondos ou avais con cargo ao FROB se dirixen á recuperación do creto a empresas, emprendedores, autónomos e ao consumo”.

A nova Lei Galega de Caixas busca que o crédito chegue ás empresas e ás persoas e avanzar na democratización das  caixas


Francisco Jorquera subliña que a reforma da Lei Galega de Caixas, impulsada polo BNG no Parlamento Galego, “ten como principal obxectivo, precisamente, “restaurar a fluidez de crédito e o financiamento ás empresas e aos galegos e galegas, realizando para iso a necesaria coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas coa estratexia económica adoptada polos poderes públicos de Galiza”. Ademais, o deputado nacionalista subliña que “un segundo obxectivo, realizar unha necesaria mellora na transparencia no funcionamento dos órganos de goberno das caixas galegas”.

Neste sentido, o parlamentario do BNG denuncia que “a interposición precipitada e sen negociación previa por parte do Goberno Central dun recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei Galega de Caixas, implica ademais unha paralización no ordenamento financeiro de Galiza, introducindo incertezas que teñen o seu efecto na actividade económica real e afectan á restauración do financiamento ao tecido económico e empresarial de Galiza”.
 
O BNG RECLAMA REABRIR A UNIDADE DE EDUCACIÓN MATERNAL DO HOSPITAL MATERNO INFANTIL DE A CORUÑA, PECHADO PARA AMPLIAR A CAFETERÍA DO CENTRO HOPITALARIO
Mércores, 03 Marzo 2010 19:49
Ana Luísa Bouza: “cumpre xa avanzar nun programa cara á  atención primaria para que os  centros conten con espazos físicos, matronas e outros profesionais de pediatría, enfermería, medicina de familia ou fisioterapia que garantan a atención ás mulleres que o precisen”

A portavoz de sanidade do BNG, Ana Luísa  Bouza vén de presentar unha proposición non de lei ante  o peche da Unidade de educación maternal do Hospital Materno Infantil de A Coruña e reclama  a súa reapertura para garantir unha atención máis completa e de maior calidade ás mulleres e as súas parellas.

Ana Luísa Bouza denuncia que, onte día 1 de marzo de 2010, produciuse o peche desta unidade para que a cafetería do centro hospitalario sexa ampliada remitindo ás mulleres da Unidade de Educación maternal a unidades en atención primaria que na actualidade están sobrecargadas de traballo e fan difícil acoller ás mulleres que estaban a ser atendidas no materno.

Bouza salienta que  a devandita  Unidade “ten moita experiencia e conta coa colaboración  dos servizos de pediatría e de rehabilitación-fisioterapia realizando  a preparación ao parto, alimentación infantil, lactación, coidados do bebe  e un programa postparto”, servizos que –na súa opinión- “ será imposíbel  poñer en práctica por carecer deles nos centros de atención primaria”.

Ante esta situación, a deputada nacionalista considera que o Parlamento galego debe instar á Xunta a reabrir a Unidade de Educación  maternal do Hospital Infantil de A Coruña e facilitar unha atención adecuada e de calidade a aquelas mulleres que o precisen.
 
O BNG presentou no pleno municipal o manifesto "Galiza ten dereito"
Martes, 02 Marzo 2010 15:58

O grupo municipal do BNG conseguiu o apoio plenario en apoio ao manifesto "Galiza ten dereito" durante a sesión celebrada onte, día 1 de marzo. O pleno municipal debateu  e aprobou o seguinte texto:

 

Texto da moción

O Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG), a iniciativa do seu portavoz HENRIQUE TELLO LEÓN, ao abeiro do Regulamento Orgánico Municipal, apresenta a seguinte MOCIÓN, para o seu debate en Pleno, relativa á adhesión do pleno do Concello ao Manifesto "Galiza ten dereito"

Exposición de motivos


O venres 7 de febreiro no Parlamento de Galiza foi presentado e asinado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), o Partido Popular (PP), a Central Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de traballadores (UXT), Comisións Obreiras (CCOO) e a Confederación de Empresarios de Galiza o Manifesto Galiza ten dereito. Neste documento afirmase o dereito do pobo galego e das súas institucións a pular e ter un sistema financiero propio e eficiente, así como o seu dereito a propiciar a fusión das súas caixas amparada polo seu dereito ao auto goberno.

O Parlamento de Galiza aprobou unha reforma da Lei de Caixas de Galiza que garante a galeguidade da entidade que surxa da fusión das caixas existentes, así como o mantemento do seu centro de decisión no noso país.

Se o goberno do Estado persiste no seu recurso de inconstitucionalidade, a paralización na aplicación da lei deixa en forte desventaxa ás caixa galegas que poderían chegar a ser absorvidas por institucións financieiras foráneas co que todo esto pode chegar a significar para o noso mercado económico.
 
Por estes motivos, o Grupo Municipal do BNG somete á consideración do Pleno do Concello a adopción do seguinte:

Acordo


1.    O Pleno do Concello da Coruña adhirese ao Manifesto Galiza ten dereito, o cal acompaña a presente moción

2.    Solicitar ao goberno da Xunta que recurra o Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB)    
 
O BNG leva ao Pleno unha moción relativa á "Promoción do uso do Galego"
Martes, 02 Marzo 2010 15:51

O grupo municipal nacionalista presentou no pleno do luns, día 1, unha moción sobre a promoción do uso do Galego no Concello da Coruña.

 

 Texto da moción

O Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG), a través do seu portavoz HENRIQUE TELLO LEÓN e dos concelleiros MARGARIDA VÁZQUEZ VERAS, Mª XOSÉ BRAVO SANJOSÉ, ERMIDAS VALÉNCIA ROMAR, MARIO LÓPEZ RICO E XAN MARTÍNEZ CAXIGAL, ao abeiro do Regulamento Orgánico Municipal, presenta a seguinte MOCIÓN, para o seu debate en Pleno, relativa á promoción e uso do galego no Concello da Coruña

Exposición de motivos


De acordo coa lexislación vixente, os concellos galegos posúen a obriga de utilizaren e promoveren a lingua galega:

A principal manifestación da identidade cultural dun pobo é a súa lingua.

A Constitución española establece no artigo 3 que, como tal patrimonio cultural, “será obxecto de especial respecto e protección.”

O artigo 5.3 do Estatuto de autonomía desenvolve aínda máis o precepto ao lles encomendar aos poderes públicos de Galicia que garantan o uso normal e oficial da lingua galega –xuntamente coa castelá- e potencien o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa” “e disporán” –engade “os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.”

A Lei 3/1983, de normalización lingüística (LNL) establece no seu artigo 5.4 que “a Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei.”

En virtude do disposto naquel precepto legal, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/1988, do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, que lle dá cumprimento ao mandato estatutario.

A Lei 5/1997, de Administración local de Galicia recolle tamén o compromiso dos entes locais de utilizaren a lingua galega.

Ademais, o Parlamento de Galicia tamén se posicionou sobre este tema a través dun acordo que foi aprobado por unanimidade en maio de 2007, en que “insta o Goberno galego a adoptar as accións precisas para, no prazo máis breve posible, dar cumprimento ao Plan xeral de normalización da lingua galega no ámbito da Administración local” a través de medidas coma as que mencionamos a seguir:

“1. Garantir en todos os concellos a utilización da denominación oficial dos seus topónimos.”

“2. Establecer que todos os departamentos e órganos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizo de augas etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita, incluíndo a rotulación de instalacións e mobiliario urbano, impresos e documentación, cuños, mensaxes informáticas e sitios web, selos e elementos de identificación análogos, así como comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas e xurídicas, e que todo o relacionado coa ofimática e comunicación (fax, telemóbil etc.) adquirido polas administracións locais deberá estar adaptado no maior grao posible á lingua galega.”

Da mesma maneira, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004, insta aos concellos, entre outros, a:

 “Consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados.”

Desde a chegada do PP ao Goberno da Xunta de Galicia, asistimos a unha involución por parte do Goberno Galego a respecto da promoción e normalización do idioma, plasmado en actuacións como o borrador do Decreto sobre o uso do galego no ensino, a supresión da proba de galego para acceder á Administración,etc…que provocaron unha reacción social a prol da defensa da normalización do uso do galego.

E por estes motivos que o Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte proposta de

ACORDO:


1.    O Concello da Coruña comprométese a utilizar, promover e normalizar a lingua galega en todos os ámbitos, segundo establece a lexislación vixente mencionada e nun momento no que se pretende unha involución nesta normalización.

2.    O Concello Pleno insta ao Goberno Municipal para que tramite unha Ordenanza elaborada pola Concellaría de Normalización Lingüística, co fin de regular o impulso do galego neste Concello.

3.    Esta Ordenanza será dada a coñecer a todos os Grupos Municipais para a súa posta en común, e será tramitada no Próximo Pleno Ordinario do Concello da Coruña.



A Coruña, 1 de Marzo de 2010
 
O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO CENTRAL CAMBIOS LEXISLATIVOS PARA EVITAR A DESLOCALIZACIÓN DOS CALL CENTERS DE GALIZA, COMO SIKES NA CORUÑA E LUGO
Mércores, 24 Febreiro 2010 17:56

Francisco Jorquera demanda que para transferir a outros países os dados dos seus clientes, as compañías telefónicas teñan que pedir a autorización expresa e previa dos mesmos


O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha proposición non de lei na que lle demanda ao Goberno que realice os cambios lexislativos necesarios para que as compañías telefónicas que operen no Estado español non podan transferir os dados dos seus clientes a outro país se non contan coa autorización previa e expresa dos mesmos”.

Ademais, o deputado do BNG preguntaralle ao Ministro de Xustiza por qué motivo o Goberno autoriza estas operacións de costas aos clientes, “e máxime cando isto constitúe o paso previo para que as operadores de telefonía e as multinacionais do telemárketing  deslocalicen os seus centros de atención ao cliente do Estado español a países con man de obra máis barata, e despois de teren recibido cuantiosas axudas públicas”.

Francisco Jorquera presentou o pasado 9 de febreiro unha pregunta por escrito dirixida ao Goberno na que advertía de que a decisión da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), un organismo dependente do Ministerio de Xustiza, de autorizar a Vodafone a transferir os dados dos seus clientes a diversos países de América Latina, era o paso previo para a deslocalización dos servizos de atención ao cliente que ten subcontratados á empresa Sykes, con centros na Coruña e Lugo, a outros países con man de obra máis barata.

Máis de 500 despedimentos en Galiza


O deputado do BNG denuncia que “este temor confirmouse o pasado luns cando Sykes presentou un ERE que afecta a 241  traballadores con contrato indefinido no seu centro da Coruña e a 37 no de Lugo, aínda que tamén están en perigo outros 109 postos de traballo na Coruña e 84 en Lugo que están vinculados á campaña 1004 de Telefónica, que remata o 31 de marzo”.

Francisco Jorquera transmítelle aos traballadores e traballadoras afectados “todo o apoio e solidariedade do BNG”.


“Primeiro embólsanse cuantiosas axudas públicas e logo marchan a países con man de obra máis barata”


Ademais, o deputado do BNG denuncia que estas deslocalizacións “a países con man de obra máis barata prodúcense tras embolsárense en moitos casos cuantiosas axudas públicas por instalárense previamente no Estado español”.

Por último, Francisco Jorquera amosa a súa preocupación porque “estas deslocalizacións a países de América Latina supoñen, en moitos casos, que se prive á clientela de Galiza, o País Vasco ou Cataluña de ser atendida na súa lingua propia”.
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 Seguinte > Final >>