Axenda

Marzo 2010
L M m X V S D
1 2 3 4 5 6 7
8 9 10 11 12 13 14
15 16 17 18 19 20 21
22 23 24 25 26 27 28
29 30 31 1 2 3 4

Sindicación

Todo o sitio:
RSS 2.0 - todo o sitioATOM - todo o sitio

Novas Grupo Municipal:
RSS 2.0 - Novas Grupo MunicipalATOM - Novas Grupo Municipal

Novas BNG:
RSS 2.0 - Novas BNGATOM - Novas BNG

 

Inicio bng O Pleno do Concello da Coruña rexeita a iniciativa do PP de deturpar o topónimo da cidade
O Pleno do Concello da Coruña rexeita a iniciativa do PP de deturpar o topónimo da cidade
Luns, 26 Outubro 2009 18:53

Henrique Tello cualifica de “pirómanos sociais” aos que alentan unha vez máis o debate sobre o topónimo


Esta mañá tivo lugar o Pleno extraordinario solicitado polo PP para debater a cuestión do topónimo da cidade. Na súa iniciativa, o PP solicitaba modificar a Lei de Normalización Lingüística do ano 1983 para mudar a denominación legal da cidade.

Os votos do BNG e do PSOE rexeitaron a iniciativa, ratificando unha vez máis un dos compromisos programáticos recollidos no Acordo de Goberno do Concello da Coruña, que sinala que se “atenderá ao disposto na Lei de Normalización Lingüística e ao legalmente establecido respecto da denominación oficial do Municipio”.

Este acordo do Pleno municipal a respecto do topónimo vense a sumar a outros anteriores como a decisión de desistir no recurso xurídico pola denominación da cidade impulsado no seu día por Francisco Vázquez e o seu goberno, e que tantos cartos custou á nosa cidade, ou rexeitar unha iniciativa anterior do PP para debater a cuestión do topónimo no pleno.

O Portavoz do Grupo Municipal do BNG, Henrique Tello, cualificou de pseudo-proposta a iniciativa do PP e de ter unha clara intencionalidade política non exenta dunha certa connotación ética: de ter maioría no pleno o PP “non se falaría do topónimo, porque tal vez o Sr. Negreira nos sorprendería dicindo que na intimidade el tamén utiliza a forma A Coruña”.

Tello denunciou a ofensiva indiscriminada da dereita “que tanto serve para criminalizar á mocidade e querer implantar a lei seca como para alimentar a xenofobia e dificultar a integración social”, provocando unha “farsa artificiosa coa que se pretende confrontar a unha sociedade que vive preocupada por unha serie de problemas entre os que non se atopa precisamente a cuestión do topónimo. Afortunadamente a cidadanía coruñesa goza dunha saúde mental moito mellor da que vostedes pretenden atribuírlle”.

    A continuación reproducimos parte do discurso do noso Portavoz Municipal, Henrique Tello, por consideralo de utilidade para o debate social que se xere por esta cuestión:

Detrás desta cerimonia atopámonos con dous ingredientes que deberían incitar á reflexión. Refírome ao alcance das accións que un grupo está disposto a levar a cabo para conseguir o poder ao prezo que sexa: por unha banda a negación para todo un pobo da súa condición de ser e de existir: o seu idioma. Por outra, a traizón aos seus compañeiros do PP, cuxas decisións seguramente contribuíron en parte a que vostedes estean hoxe ocupando eses asentos.

    Porque foi en 1998, con José María Aznar e Mariano Rajoy, entre outros dirixentes do PP, cando se aprobou a Lei 2/98 –sancionada polo Rei de España- sobre o cambio de denominación das provincias de La Coruña e Orense, na que, no seu artigo 1 se afirma: A actual provincia de La Coruña, denominarase oficialmente A Coruña, en concordancia co nome oficial de A Coruña que ten recoñecida a súa capitalidade.

    Na súa exposición de motivos afírmase tamén:

    “Na actualidade (refírese ao ano 1998) séguese a manter o nome oficial de La Coruña e Orense para ditas provincias, cando a realidade é que ambos topónimos se veñen utilizando coas denominacións A Coruña e Ourense, respectivamente, gozando de plena aceptación popular por parte dos cidadáns que os usan a diario.

    Por outra banda, estas denominacións de A Coruña e Ourense aparecen xa escritas desta forma en documentos que datan do século XIII, o que supón un claro refrendo á argumentación de que aquelas responden a unha realidade lingüística, histórica e mesmo tradicional.

    Asinado: Juan Carlos Rei e o Presidente do Goberno, José María Aznar”

    Sr. Negreira, con esta farsa vostede non só agrede ao sentimento da maioría das coruñesas e coruñeses que utilizan a diario o nome da Coruña como lles peta, agrede e insulta á representatividade democrática do Parlamento Galego que aprobou, con maioría absoluta do PP, a Lei de Normalización Lingüística (N.L.) e das Cortes do Estado, con maioría de representantes do PP, que aprobaron a citada Lei 2/98 en base ao acordo do Parlamento Galego de 1983.

    Porque vostede, nun exercicio de funambulismo político, oportunista, desleal e carente de principios, afirma agora (non antes) na súa exposición de motivos para este Pleno, que a aprobación da Lei de NL foi un erro histórico de todos os grupos políticos, e por extensión, afirma que foi un erro das Cortes españolas aprobar a Lei 2/98 que se fundamenta na anterior.

    Non me sorprende, Sr. Negreira, que por motivos espurios vostede agreda a Galiza, ás súas xentes e ao seu idioma. Porque esa necesidade, xa o dicía Castelao, non se sinte no bandullo. Non me sorprende tampouco que vostede agreda á Coruña, porque non a sinte como propia e porque a descoñece.

    Pero recoñezo que me sorprende a súa deslealdade e hipocrisía política con Manuel Fraga, José María Aznar e Mariano Rajoy, a quen vostede tacha de erráticos pola decisión tal vez máis sensata que tomaron nos seus anos de Goberno.  

    Non é vostede de fiar, Sr. Negreira, porque carece de principios á hora de manipular torticeiramente este asunto e manifesta a súa disposición a traizoar os sentimentos de todo un pobo que recibiu con orgullo a aprobación de dúas leis que restituían parte da súa dignidade.

    Non é vostede de fiar porque avalou historicamente co seu silencio esta aprobación e agora expresa na súa plenitude o seu carácter reaccionario e profundamente antigalego.

    Non é vostede de fiar, Sr. Negreira, porque mentiu cando as primeiras ondas do caso Gürtell salpicaron ao PP galego. Porque vostede negou en primeira instancia a súa relación con Pablo Crespo en Portos de Galicia, e demostrouse que era falso. Porque vostede negou despois a súa participación activa neste ente, e demostrouse que era falso porque cobrara dietas por asistencia ou tal vez por delegación de voto. E se delegou o voto, tal vez o delegou no Presidente, que era precisamente vostede. Porque restou importancia a este asunto despois de ser pillado nestas mentiras. Cómo nos podemos fiar de que vostede di a verdade neste e noutros asuntos? Agardaremos expectantes para coñecer se as sucesivas aperturas do sumario Gürtell curan a súa amnesia, a do Sr. Feijoo, a do Sr. Lete e a doutros membros do PP galego.

    Non é vostede de fiar, Sr. Negreira, porque se está a converter  no paradigma dunha deriva extremista e sectaria do PP que considera o goberno como unha prebenda estamental.

    Porque desde a chegada á Xunta de Galicia a única obsesión do PP non é gobernar senón borrar do imaxinario colectivo os elementos de normalización instaurados polo anterior goberno.

    Non lles chega con recortar drasticamente os gastos en atención social, educación ou sanidade, recuperan tamén a vella pantasma do conflito lingüístico mediante unha política de negación dos dereitos, condenando ao pobo galego a unha condición de pobo anormal, dependente e carente de capacidade para decidir.

    E actúan así porque, como dicía Don Filiberto en Luces de Bohemia, “para ustedes en nuestra tierra no hay nada grande, nada digno de admiración”

    Practican unha política linguicida que manipula a historia para presentar aos opresores como oprimidos e ás vítimas como culpábeis. Velaí de novo reproducida a súa política fronte á memoria histórica e os crimes do fascismo durante a Ditadura.

    Acusan con saña aos nacionalistas de imposición e división cando na realidade utilizaron sempre o idioma castelán como instrumento de dominación, provocando que grande parte do pobo galego sentise complexo e vergoña da súa orixe e das súas familias.

    Recuperan o idioma cando lles resulta útil como expresión pintoresca dunha realidade folclórica. Pero néganlle a condición de ser un instrumento de comunicación plena, porque desconfían e temen que unha persoa que fale galego acabe un día pensando como galega e descubrindo a trampa da súa política para este País.

    Por iso pretenden retroalimentar na Coruña un conflito tan artificial como inútil. Xa comentei antes que todos os coruñeses e coruñesas utilizan diariamente o topónimo da cidade como lles ven en gana, sen que por iso sufran ningunha caste de discriminación por parte de ningunha institución. Porque son cidadáns e non súbditos que optan libremente por exercer este e outros dereitos que –por certo- vostedes pretenden negarlles.
    
    Son vostedes plenamente conscientes de que non existe ningún problema de convivencia por este asunto nin moito menos dificultades de comprensión e comunicación. Tal vez vostedes formen parte dun problema, pero nós preferimos formar parte dunha solución.
 
    Sr. Negreira Souto, Sr. Mourelo Barreir,; Sra Vila, Sr. Coira, supoño que están vostedes orgullosos dos seus apelidos. Pois dean grazas de que ningún antecesor tivo a peregrina idea de castelanizar por decreto os seus apelidos galegos, porque terían perdido vostedes parte da súa historia, da súa tradición, da súa razón de ser e das súas orixes. Vostedes si son antinaturais por non asumir o que é de seu propio. Por certo, mudan vostedes o apelido cando falan con alguén en castelán?
    
    Porque existen claros indicios de oportunismo político na súa proposta e gañas de trasladar os focos da política coruñesa lonxe dos problemas de corrupción que afectan ao seu partido. Pero aparte disto existe un problema ideolóxico de fondo que os sitúa a vostedes nas esencias da negación da nosa condición de sermos galegos e galegas.

    Que farían vostedes, por certo, se gobernasen coas persoas que presentasen por rexistro unha solicitude en castelán pero utilizasen a forma legal do topónimo coruñés? Acaso sería desestimada a solicitude por defecto de forma?

    Non existe un problema real de convivencia nin co idioma nin co topónimo da cidade e son auténticos pirómanos sociais quen alentan e avivan este debate rancio superado pola inmensa maioría da xente.

    O Goberno Municipal da Coruña réxese por un Acordo de Goberno explícito a respecto do cumprimento da legalidade vixente en virtude da Lei de Normalización Lingüística. Un acordo que é un pacto de dous socios que se está a cumprir e que devolve a dignidade á cidade da Coruña.

    Sr. Negreira, tanto o Presidente da Xunta, sr. Feijoó, como o Secretario Xeral de Política Lingüística hoxe mesmo, desautorizan a súa iniciativa para deturpar o topónimo da Coruña e facer da nosa cidade unha excepcionalidade legal, como se fósemos algo raro. Desde o meu grupo pulamos porque A Coruña sexa unha cidade normal e normalizado dentro do noso País.

    Sr. Negreira vostede vai ficando só.... só con Millán Astray, un “coruñés de pro” que seguro estaría tamén pola cooficialidade do topónimo.