| Tello anima a todos os coruñeses a participar nas actividades de apoio á Torre de Hércules |
|
|
|
| Martes, 02 Xuño 2009 23:08 | |||
|
O Primeiro Tenente de Alcalde e responsábel da área de Turismo, Henrique Tello, presentou esta mañá en María Pita o calendario de actividades deseñado polo Concello en apoio da candidatura da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade, unha resolución do Comité do Patrimonio Mundial da Unesco que se fará pública o 27 de xuño. Tello lembrou que estamos na recta final, despois dun traballo moi longo que iniciou o Instituto de Estudios Torre de Hércules, polo que pediu un esforzo final aos coruñeses de xeito que 'poidamos compartir este galardón co resto do mundo'. Neste sentido, manifestou que un dos factores que máis ten en conta a Unesco é 'o apoio social que ten un monumento entre a sociedade da súa contorna', polo que 'as obras de remodelación e adaptación ao longo destes dous anos non serían suficiente sen o apoio da cidadanía, manifestado polos coruñeses e tamén polos miles de persoas que visitan a Torre cada día'. Tamén salientou o apoio por parte de institucións públicas, privadas, políticas e sociais, para engadir que 'a Torre de Hércules non é patrimonio de ninguén, é patrimonio da humanidade' e 'hai que facer un último esforzo para que esta realidade teña a súa culminación o día 27 de xuño'. Con respecto ás actividades programadas ata esa data, Henrique Tello manifestou que non se trata de grandes eventos senón de actividades de carácter social para que a xente poida participar activamente. Así, repartiranse a partir da semana próxima un total de 60.000 bandeiras para que todos os fogares e establecementos poidan amosalas como sinal de apoio, rememorando así a ilusión da cidade nas finais deportivistas, que 'despois gañou, o cal é un precedente marabilloso', lembrou Tello. O Primeiro Tenente de Alcalde indicou tamén que nas actividades programadas están implicadas numerosas concellerías, xa que toda a Corporación Municipal está absolutamente unida nesta causa. O calendario iniciarase o sábado 13 de xuño na Torre de Hércules, onde se celebrará unha festa infantil con horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, na que haberá obradoiros, inchables, xogos, trikers, rocódromo, tirolina e xadrez simultáneo. O domingo 14, de 10.00 a 14.00 horas, terá lugar nos Xardíns de Méndez Núñez a Primeira Xornada de Deporte Feminino na Rúa que se celebra na Coruña, organizada polas Concellerías de Igualdade e Deportes. O mércores 16 ás 19.00 horas sairá da praza de María Pita a Marcha Cívica até a Torre de Hércules, organizada polo Instituto Torre de Hércules e o Concello da Coruña. Henrique Tello invitou a toda a cidadanía a participar nesta marcha, e tamén na Festa da Luz que se celebrará o sábado 20, a partires das 19.00 horas, na Torre de Hércules. Será 'unha festa coruñesa e galega de toda a vida', adiantou Tello, na que non faltará a orquestra, a animación e o polbo á feira. O domingo 21 celebrarase unha Media Maratón de apoio á candidatura da Torre con saída ás 11.00 horas dos Cantóns, organizada pola Concellería de Deportes e a Federación Galega de Atletismo. Finalmente, o colofón a estes actos será a retransmisión en directo o sábado 27 de xuño desde Sevilla da resolución do Comité do Patrimonio Mundial da Unesco, para o que se instalará unha pantalla xigante na Praza de María Pita. Henrique Tello manifestou que a transcendencia desta decisión é 'dunha importancia da que probablemente non sexamos conscientes'. Así, manifestou o seu agradecemento á cidade polo apoio amosado á candidatura e pediu a participación masiva nos actos programados.
|






